top of page

Create Your First Project

Start adding your projects to your portfolio. Click on "Manage Projects" to get started

MARÍA MARTELO ( Ordes / Galiza)

MARÍA MARTELO ( Ordes / Galiza)
📍Estará pintando en: Casillas, 4, 15680 As Casillas, Ordes - A Coruña

María Martelo del Río (Ordes, Galicia, 2003) é a representante galega desta 19ª edición de DesOrdes Creativas e tamén un orgullo para o festival porque é a representación ordense nesta 19ª edición.
Ela pertence a esa nova xeración que medrou nun contexto onde a arte urbana formaba xa parte da paisaxe cotiá, unha realidade que coa que convivíu e que quizais (ogallá…) tivo algún tipo de inxerencia na súas inquedanzas artísticas.
Aínda que a pintura a acompañou desde moi pequena, foi durante os seus estudos en Belas Artes cando ampliou a súa práctica cara á fotografía, o vídeo e o obxecto, incorporando unha mirada interdisciplinar que continúa presente no seu traballo. Nos últimos anos a súa investigación pictórica foi evolucionando cara ao gran formato, dando o salto ao mural co seu Traballo de Fin de Grao.
A través de pinceladas expresivas, veladuras e mesturas continuas de cor, constrúe paisaxes cromáticas que, vistas de preto, se achegan á abstracción e que recuperan a memoria dos lugares onde nacen. Levar esas imaxes de volta aos espazos que as inspiraron convértese nun xeito de establecer un diálogo entre presente e pasado, entre a experiencia persoal e a memoria compartida.
Participou en festivais de vídeo, proxectos colaborativos de creación audiovisual e exposicións colectivas en Ordes, Vigo, Monção, Santiago de Compostela e Barcelona. En 2025 recibiu o Premio de Arte Urbana de Xuventude Crea, un recoñecemento que confirma a proxección dunha artista emerxente cunha voz propia á que auguramos un futuro prometedor.
Para DesOrdes Creativas é unha satisfacción contar nesta edición con María, e poder aportarlle o apoio e os medios necesarios para desevolver e dar a coñecer a súa obra nun formato meirande. A vontade do festival foi dende un inicio a de facer canteira local apoiando ás novas xeracións e organizando en cada edición actividades formativas que complementen os coñecementos. Tentamos combinar traxectorias consolidadas con novos talentos e así favorecer o encontro entre diferentes xeracións e maneiras de entender a arte no espazo público e para aprender uns dos outros, e para nós é sempre unha alegría toparnos con novas xeracións que collen o relevo para continuar esta senda de valoración e reapropiación comùn do espazo público.

+ info:
https://www.instagram.com/mariamartelodelrio/

©2025 DesOrdes Creativas.  

bottom of page